O venres día 29 de xaneiro de 2021 foi publicada no DOG a Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas. Nesta Lei establécese, entre outros aspectos, unha nova
exención no canon da auga e coeficiente de vertedura dirixida a paliar os efectos da covid-19 en determinados sectores e que ten a seguinte redacción:
Artigo 4. Canon da auga e coeficiente de vertedura
2. Como medida excepcional dirixida a paliar os efectos da covid-19 en determinados sectores, establécese a seguinte exención aplicable ao canon da auga e ao coeficiente de vertedura.
Quedan exentos do pagamento do canon da auga ou do coeficiente de vertedura os consumos de auga correspondentes aos períodos de facturación comprendidos entre o 5 de novembro de 2020 e a data en que se levante a declaración de situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta do 13 de marzo de 2020, ambas as datas incluídas, nos seguintes establecementos, sempre que estes diminuísen significativamente a súa actividade nese período:
a) Establecementos de restauración: restaurantes, salóns de banquetes, cafetarías e bares.
b) Os seguintes establecementos de lecer e entretemento: salas de festas, discotecas, pubs, cafés espectáculo e furanchos.
c) Hoteis e aloxamentos turísticos.
d) Albergues turísticos.
Para os efectos da aplicación da exención, entenderase producida unha diminución significativa da actividade nos establecementos indicados cando no período de vixencia da exención os
consumos realizados sexan iguais ou inferiores ao 25 % do consumo realizado no período de facturación inmediatamente anterior ao 5 de novembro de 2020.
No caso de contribuíntes que non dispoñan de contador de auga que permita determinar a variación de consumos por este medio, a diminución significativa da actividade que dea dereito á
exención deberá acreditarse mediante a achega por aqueles dos rexistros de aloxamentos, dos servizos efectivamente realizados ou do consumo eléctrico dos que se desprenda unha diminución da actividade no período de vixencia da exención de, polo menos, o 75 % respecto da actividade desenvolvida no período de facturación inmediatamente anterior ao 5 de novembro de 2020.
No caso de que a diminución significativa da actividade nos termos indicados nos dous parágrafos anteriores só se produza nalgún ou nalgúns dos períodos de facturación incluídos dentro do
período de vixencia da exención, a exención só se aplicará naqueles períodos de facturación en que teña lugar a diminución. As entidades subministradoras virán obrigadas a non repercutir o
canon da auga e, de ser o caso, o coeficiente de vertedura, aos abonados que, conforme o previsto anteriormente, teñan dereito á exención. Respecto daqueles importes xa repercutidos na data de entrada en vigor desta lei, as entidades subministradoras deberán regularizar tales importes na primeira facturación que realicen, con posterioridade á dita data, aos abonados que sexan
beneficiarios da exención. No suposto de contribuíntes que se abastezan de fontes propias de abastecemento de auga, Augas de Galicia non liquidará o canon da auga e, de ser o caso, o
coeficiente de vertedura, correspondente ao período ou períodos de facturación en que se teña dereito á exención.
A exención regulada neste artigo tramitarase por solicitude previa do interesado na que xustifique o cumprimento dos requisitos establecidos.
Así mesmo, e aos efectos de aprobar o modelo de solicitude ao que se fai referencia na citada Lei, no día de hoxe vén de ser publicada no DOG a Resolución do 17 de febreiro de 2021
pola que se establece o modelo normalizado para a solicitude da exención.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210219/AnuncioO143-180221-0001_gl.html
Por outro lado,
o modelo AU231C aprobado nesa resolución está dispoñible (a partir do día 20) na sede electrónica da Xunta de Galicia no seguinte enlace
https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=AU231C
Procedemento a seguir para obter a exención
Os contribuíntes do canon da auga e/ou coeficiente de vertedura pertencentes a algunha das actividades beneficiarias poderán solicitar a exención mediante o modelo aprobado ao efecto (Modelo AU231C de Exención no canon da auga e coeficiente de vertedura) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), pudendo presentar dita solicitude tanto ante Augas de Galicia como ante a propia entidade subministradora. • Os solicitantes deberán acreditar pertencer a algunha das actividades beneficiarias da exención para o cal deberán asinar a declaración responsable contida na propio modelo de solicitude. • Unha vez presentada a solicitude, e acreditada mediante a declaración responsable a pertenza a algunha das actividades beneficiarias da exención (requisito subxectivo), a entidade subministradora comprobará o cumprimento do requisito (obxectivo) da diminución de, polo menos, o 75% no consumo de auga entre o período a facturar e consumo do período de facturación inmediato anterior ao 5 de novembro de 2020 e, en caso de cumprirse tal requisito, e sen necesidade de comunicación previa por parte de Augas de Galicia, a entidade subministradora virá obrigada a non repercutir o canon da auga e, no seu caso, o coeficiente de vertedura en dita facturación.
Por conseguinte, nestes casos a comprobación por parte da entidade subministradora do requisito subxectivo debe limitarse a comprobar que na declaración o solicitante marca a declaración responsable e que asina a solicitude. Unha vez constatado isto, cabe entender ao solicitante como posible beneficiario da exención, debendo a continuación a entidade subministradora comprobar a diminución do volume subministrado nos termos indicados.
No caso de que a solicitude sexa presentada ante Augas de Galicia será este Ente o que comprobe a acreditación do requisito subxectivo e, en caso afirmativo, procederá a comunicalo á entidade subministradora aos efectos de que proceda de acordo co indicado no punto anterior de cara a constatar a diminución no volume subministrado, agás que o contribuínte se abasteza exclusivamente de captacións propias en cuxo caso será Augas de Galicia a que comprobará o cumprimento do citado requisito obxectivo e quen, no seu caso, non liquidará o cuadrimestre correspondente.
Se a solicitude fose presentada unha vez a entidade subministradora xa repercutiu períodos de facturación nos que lle sexa de aplicación a presente exención, esta virá obrigada a comprobar se neses períodos xa repercutidos se constatou que o volume subministrado se reduciu na porcentaxe establecida e, en caso afirmativo, deberá proceder a regularizar os importes repercutidos na seguinte ou seguintes facturacións que lle realicen a dito abonado na que xa non proceda a exención, ben sexa porque non cumpre os requisitos obxectivos, ben sexa polo cese da vixencia da exención. De igual modo, no suposto de captacións propias, será Augas de Galicia a que procederá, no seu caso, a practicar as regularizacións que proceda sobre os importes liquidados.
No suposto de contribuíntes que non dispoñan de contador de auga, a acreditación da diminución significativa de actividade por algún dos factores que establece a Lei (rexistros de aloxamentos, servizos efectivamente realizados ou consumo eléctrico) deberá realizarse polo contribuínte mediante a declaración responsable incluída no propio modelo de solicitude.
Esta declaración responsable e, por conseguinte, esta solicitude debe ser presentada para cada período de facturación onde o contribuínte considere que cumpre os requisitos de diminución significativa de actividade. Este suposto só será de aplicación naquelas entidades subministradoras que non dispoñan de contador ou, que dispoñendo del, a facturación non a realicen en función das lecturas nel practicadas, así como no suposto de contribuíntes que se abastecen de captacións propias. Así mesmo este sistema tamén será de aplicación naqueles abonados que, non dispoñendo de abastecemento municipal, si veñan obrigadas ao pagamento do coeficiente de vertedura por verter a unha depuradora xestionada por Augas de Galicia. Nestes casos, a comprobación da entidade subministradora debe limitarse a revisar que o solicitante marca, ademais da declaración responsable relativa a pertencer a algún dos establecementos beneficiarios, a de diminución significativa de actividade, de xeito que se ámbalas dúas veñen marcadas e a solicitude asinada, será beneficiado da exención para o período que solicita.
Neste senso, para cada período de facturación o solicitante debe presentar esta solicitude. No caso de que nestes supostos a solicitude sexa presentada ante Augas de Galicia será este Ente o que comprobe a acreditación dos requisitos subxectivos e obxectivos e, en caso afirmativo, procederá a comunicalo á entidade subministradora, con indicación do período de facturación ao que se corresponda, aos efectos de que proceda a non repercutir o canon da auga e, no seu caso, o coeficiente de vertedura no citado período, agás que o contribuínte se abasteza exclusivamente de captacións propias, en cuxo caso será Augas de Galicia quen, no seu caso, non liquidará o cuadrimestre correspondente.
As entidades subministradoras que reciban a solicitude de exención deberán dar traslado de dita solicitude a Augas de Galicia no prazo de 15 días naturais desde a súa presentación. Xunto co traslado as citadas entidades deberán informar das solicitudes onde considerou acreditado mediante a declaración responsable o cumprimento do requisito subxectivo e, no caso do suposto indicado no punto anterior, tamén do requisito obxectivo, sen prexuízo de que, unha vez recibida a solicitude en Augas de Galicia e, en virtude das comprobacións que poida levar a cabo este Ente, se constate a inexactitude, falsidade ou omisión da declaración responsable, en cuxo caso procederá a comunicalo á entidade subministradora aos efectos de que, no seu caso, cese na aplicación da exención, así como para que informe dos importes non facturados. Así mesmo, naquelas solicitudes que deban ser subsanadas, será Augas de Galicia a que procederá á emitir o correspondente requirimento de subsanación para, unha vez subsanada, proceder do mesmo xeito que o indicando anteriormente para as solicitudes presentadas directamente ante Augas de Galicia.