O concello de Crecente contará cun punto limpo móbil financiado con cargo ás axudas concedidas ao abeiro da Orde do 21 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se realiza a súa convocatoria en réxime de competencia competitiva para os anos 2023 e 2024.
A implantación dun punto limpo móbil ten por obxecto a mellora do servizo de recollida de residuos do Concello de Crecente. O concello establecerá un calendario rotativo semanal para estacionamento do módulo nas diferentes parroquias do municipio, de xeito que se facilite o depósito de residuos para toda a veciñanza.
Existen catro modelos de xestión residual en Galicia. O modelo Sogama, o modelo húmido-seco (Nostián), o modelo húmido-seco (Barbanza) e o modelo vertedoiro que está desaparecendo por ser o que peor fai a xestión dos residuos xa que tira a fracción resto nun vertedoiro. A recollida de lixo no Concello de Crecente ten como base na actualidade o modelo de xestión Sogama, no cal se separan 4 fraccións de residuos, por un lado o que se chama resto, por outro os envases lixeiros, a terceira fracción sería o papel-cartón e finalmente a cuarta o vidro. Esta recollida faise por medio de contedores repartidos pola superficie dos municipios.
Punto Limpo é unha instalación destinada a recibir, previamente seleccionados, certos tipos de residuos que, ben por ser reciclables, ou ben por estar considerados como tóxicos e perigosos, non é conveniente que se eliminen có resto do lixo doméstico. Estes residuos son depositados en contedores específicos para cada tipo de material e posteriormente trasladados a centros de valorización, tratamento ou confinamento. Este método de recollida se enmarca dentro da recollida selectiva o que fai que estes residuos vaian a parar a unha planta de recuperación e reciclaxe.
As posibles melloras a acadar son as seguintes:
- Aumentar o número de fraccións recollidas para a súa reciclaxe e valoración.
- Incrementar os coñecementos acerca de residuos da poboación residente no municipio.
- Concienciar aos cidadáns de que deben de separar mellor as fraccións de residuos.
- Facilitarlle aos residentes do concello, especialmente a aqueles que viven afastados dos núcleos urbanos, a separación en fraccións dos seus residuos.
- Mellora da calidade dos datos a recoller para as métricas e estatísticas do municipio.